Veciños de Eduardo Pondal reclaman a limpeza dos terrenos da zona
Por Oskar Viéitez
Os veciños de barrio que conforman as rúas Eduardo Pondal, Filgueira Valverde, Joaquín Costa e 12 de Novembro, reclaman a limpeza e mantemento dos terrenos que rodean a zona da denominada Unidade de Actuación 18.
Trátase dunha problemática que denunciaron en varias ocasións ante o edil Miguel Filgueira. Estes veciños son conscientes de que os terreos son propiedade de empresas privadas, pero cren que o Concello pode forzarlles legalmente a mantelos limpos.
Dende que se urbanizou toda a zona, deixáronse varios soares valados, preparados para que empresas privadas construísen as súas promocións de pisos, entre elas o Centro de Recursos Educativos que tiña previsto construír a Once.
Non obstante, a crise provocou que a maioría de espazos estean practicamente abandonados, sen mantemento nin limpeza, o que provoca o aumento da insalubridade coa proliferación de maleza, sucidade e a aparición de ratas e insectos.
Fartos xa desta situación, os veciños reiteraron as súas queixas ante o Concello para que obrigue ás empresas propietarias a responsabilizarse do mantemento e a limpeza da zona.