A praia de Foxos contará cunha escola de surf e padelsurf
Por Redacción
A Xunta de Goberno local do Concello de Sanxenxo acordou este luns ampliar o Plan de Ocupación con Servizos de Tempada nas Praias co obxectivo de incluír a instalación dunha caseta destinada a escola de surf e de padelsurf en Foxos.
A proposta presentada polo concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Rodríguez, responde á crecente demanda deste tipo de servizos e toda vez que no plan aprobado o 24 de abril só se inclúe unha caseta para este tipo de ensinanza na Lanzada.
O Concello de Sanxenxo remitirá agora o acordo ao Servizo Provincial de Costas, co fin de obter a pertinente autorización e proceder, posteriormente, a licitar esta infraestrutura.
Tal e como recolle o prego de prescricións técnicas establecido para o concurso, a caseta estará formada por un colector metálico marítimo que terá unhas dimensións máximas exteriores de 6,10 metros de longo, 2,50 metros de ancho e 2,60 metros de alto, sen contar co espesor do forrado exterior con madeira.
O colector estará en perfecto estado de conservación, pintado en cunha cor acorde co ámbito, e recuberto na súa parte externa con rasteles ou listóns de madeira tratada en autoclave de espesor máximo de 50 milímetros. Ademais, o interior deberá estar acondicionado convenientemente para o servizo a que se destina, con acabados en chan, teito e paredes conformes ao uso previsto. Iso si, non se permitirá que conte con máis portas ou ventás das necesarias para o servizo, nin toldos, viseiras, acometidas eléctricas, abastecemento de auga ou saneamento.
O prego de condicións do concurso a licitar considera unha duración do contrato de dous anos e un importe que ascende a 1.500 euros anuais, IVE incluído.