Rendemento, saúde ou deporte escolar centran os estudos do XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte
Por Redacción
Preto de 300 persoas participan ata o sábado 9 no XI Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e a Educación Física, inaugurado este xoves no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Os asistentes, entre os que se encontran estudantes universitarios, docentes, técnicos de clubs deportivos e deportistas, afrontan tres días de conferencias e mesas de debate nas que se dan a coñecer preto de 100 proxectos de investigación.
Entre eles na primeira xornada o campión de Europa Arturo Casado explicou detalles do seu traballo de doutorado pola Universidade Politécnica de Madrid sobre as diferenzas de rendemento entre os atletas de Kenya e os españois.
Casado recoñeceu que existen outros estudos que apuntan a factores xenéticos ou biomecánicos pero, ao seu xuízo, o fundamental é que "adestran mañá e tarde" porque "é a única vía para que xente que vive na miseria poida conseguir algo de diñeiro co que a súa familia poida subsistir".
O do atleta é só un exemplo dentro dun congreso que conta entre os seus eixes temas como a saúde, o rendemento deportivo ou o deporte escolar, entre outros.
O Congreso Internacional de Ciencias do Deporte está promovido pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña, o Concello de Pontevedra e a asociación Sportis Formación Deportiva.