Licitan varias obras nas estradas Pontevedra-Ponte Caldelas e Ponte Bora-O Pino
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de reparación do firme en varios treitos das estradas Pontevedra - Ponte Caldelas (PO-532) e Ponte Bora - O Pino (PO-542).
Na estrada PO-532 actuarase entre a glorieta da Ermida (no quilómetro 3), que conflúe coa estrada PO-542, e a glorieta do Polígono do Campiño/Reigosa, situada no punto quilométrico 6,4. Neste treito, fresaranse e repararanse as zonas que presentan deformacións, para posteriormente estender unha nova capa de rodadura de 5 centímetros de espesor en toda a plataforma.
Esta mesma solución é a que se adoptará na estrada PO-542, na que está previsto reparar mediante este contrato o firme desde a glorieta da Ermida, no punto quilométrico 3 ata a glorieta do punto quilométrico 5,6 no Marco.
Estas tarefas completaranse co repintado das marcas viarias nos treitos de actuación e a renovación dos elementos de sinalización vertical e defensas, que se atopen deteriorados que teñen por finalidade mellorar as actuais prestacións da estrada en beneficio dos usuarios.
As obras terán unha duración de seis meses.