Un cadro de Carlos Bóveda, doado pola súa viuva, súmase á colección do museo Manuel Torres
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
O museo municipal Manuel Torres conta dende este martes cun novo cadro entre a súa colección. Despois da exposición da obra do pintor Carlos Bóveda, que se puido visitar nas últimas semanas nestas instalacións, a súa viúva decidiu doar ao museo marinense unha das pezas da devandita mostra.
Así o confirmou o goberno municipal, que sinala que o cadro foi recibido pola alcaldesa, María Ramallo.
Sara Paz Seco, a muller do falecido pintor -que tiña un estilo moi próximo ao do propio Manuel Torres- escolleu para esta doazón unha obra realizada en óleo sobre "táblex" co título de Rataplan... rataplán!, pintada en Arxentina no ano 1997.
Esta obra é representativa do estilo de Carlos Bóveda polo seu motivo: un rapaciño que toca o seu tambor co sentimento de quen expresa sentir o que fai, flotando nesa nebulosa e etérea mestura de cores marróns e ocres separados da figura polas liñas negras que contornean suavemente ao rapaz e despexan a figura do seu fondo. Todo iso rematado con pinceladas mesturadas e experimentadas, soltas e sincronizadas.
María Ramallo destacou que este "valioso" xesto axuda a enriquecer a colección do museo municipal "e moito máis cando se trata dun pintor do estilo de Carlos Bóveda, próximo a Laxeiro, Maside ou Torres".
Este autor, dixo, "merece estar representado con esta obra no museo dedicado a Manuel Torres" e sinalou que con esta doazón "o rapaciño seguirá tocando o seu tambor no museo que se honra en acollelo para sempre".