Deteñen catro trintañeiros por tráfico de cocaína en Pontevedra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional, no marco da Operación VIP, detiveron catro varóns, veciños de Pontevedra, de 32, 34, 37 e 38 anos de idade respectivamente, dous deles con antecedentes policiais, como presuntos autores dun delito de tráfico de cocaína ao amiudar.
A Policía Local de Pontevedra tivo coñecemento, no mes de marzo, de que un grupo de persoas asentadas na cidade se estaban a dedicar ao tráfico de cocaína a pequena escala dende varios puntos de Pontevedra, entre os que se encontraban pisos, locais de ocio nocturno e tamén unha tenda.
A actuación dos axentes da Policía Local permitiu comprobar que os catro investigados realizaban transaccións de cocaína e se lles incautaron pequenas cantidades a algúns dos seus clientes.
A Policía Local detiña unha persoa o 28 de marzo á que lle incautaron un total de 7 gramos de cocaína disposta para a súa venda, ademais de distintos útiles para a elaboración de dose de substancia estupefaciente, segundo informa a Policía Nacional.
As pescudas continuaron a través da Comisaría Nacional de Pontevedra, dende onde se solicitou á Autoridade Xudicial a entrada e rexistro en catro domicilios da cidade e nun establecemento comercial.
Durante o 16 de abril, os axentes da Policía Nacional levaron a cabo as catro detencións e os cinco rexistros, nos que se foron incautando pequenas cantidades de cocaína e outros efectos para a manipulación e pesaxe. Os axentes incautaron 16 gramos de cocaína, 135 gramos de substancia de corte, 6 básculas de precisión e 1.555 euros. Nesta operación tamén se interviñeron numerosos documentos, teléfonos móbiles e aparatos electrónicos que están a ser analizados polos investigadores.