Catorce mulleres e un home fórmanse en atención á infancia no último itinerario do ILES
Por Redacción
Quince pontevedreses participan desde este martes no último itinerario que pon en marcha o programa de formación e inserción laboral ILES, impulsado neste mandato pola Concellaría de Promoción Económica. Estará dedicado á formación en materia de atención á infancia.
A concelleira Carlota Román explicou que remata así un programa polo que terán pasado 330 persoas ao longo dos case catro anos, cun índice de inserción laboral en torno ao 50%. "Un exemplo do traballo que pode facer un concello para loitar contra a lacra do desemprego", afirmou a responsable municipal diante dos participantes.
Na súa visita animou aos beneficiarios -14 mulleres e un home- a aproveitar ao máximo un itinerario profesionalizado, enmarcado nun programa que deu visibles froitos, gracias á calidade da formación teórica e á selección das empresas nas que se realizan as prácticas.
A concelleira de Promoción Económica considera que outra clave do éxito do programa municipal ILES está nunha rigorosa busca dos perfís máis axeitados, na calidade da formación e no acento nas prácticas. "Buscamos xente motivada para formala e empresas responsables nas que podan completar a súa aprendizaxe e, se é posible, quedar a traballar", explicou.
Os participantes, que perciben unha bolsa de 15 euros ao día, foron seleccionados a partir da listaxe remitida polo Servizo Galego de Colocación e, a continuación, foron avaliados polo equipo do ILES. O itinerario que agora comeza abrangue 365 horas das que a parte teórica desenvolverase en horario de mañá e as prácticas en horario de mañá ou tarde en función das necesidades das empresas colaboradoras.
O orzamento total investido durante os tres anos e medio de ILES alcanza os 1.579.419 euros. O 80% do programa está financiado polo Fondo Social Europeo.