O ensino, o maltrato infantil, a adolescencia e o fútbol centran os cursos de extensión universitaria
Por Redacción
A Vicerrectoría do campus de Pontevedra oferta novos cursos de extensión universitaria para todos os cidadáns que queiran matricularse a partir do 4 de maio. Trátase de actividades que se desenvolverán entre xuño e setembro e se centrarán no ensino, o maltrato infantil, a adolescencia e o fútbol.
Un dos campos con maior representación é o dedicado ao ensino, o único curso que se repite respecto á anterior edición. A profesora María Álvarez Lires ofrecerá un seminario sobre como ensinar ciencias con xoguetes interactivos e encerado dixital. Este curso desenvolverase entre o 1 e o 25 de xuño en Ciencias dá Educación e do Deporte. Do 5 ao 27 de setembro no Pazo da Cultura ofrécese Propostas Pedágoxicas innovadoras, dirixido polo profesor Jorge Soto, segundo se expón no DUVI.
Ciencias da Educación tamén acolle, entre o 16 e o 18 de xuño, un curso sobre infancia maltratada, que dirixe María José Vázquez Figueiredo. Analizarase esta problemática dende o punto de vista académico e profesional coa presenza do fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro e da ex-defensora do menor da Comunidade de Madrid, Teresa Gutiérrez.
Entre o 27 e o 29 de xullo trataranse as claves para mellorar a educación integral de adolescencia no auditorio de Catoira a cargo do profesor Manuel Isorna.
Para os afeccionados ao deporte do balón, do 23 ao 25 de xuño, desenvolverase en Ciencias da Educación o curso sobre novas tendencias de adestramento, unha actividade dirixida por Carlos Lago, que explicará a análise do rendemento dos futbolistas.
A profesora de Ciencias Sociais e da Comunicación, Ana Belén Fernández Souto, ofrecerá un achegamento ao mundo do turismo, entre os días 6 e 10 de xullo na Casa das Campás. Centrarase no 'turismo de incentivos', unha modalidade que se relaciona coa actividade empresarial.
Esta oferta formativa ofrece descontos do 25% da matrícula para membros da comunidade universitaria e do 50% para bolseiros MECD.