O Concello propón rehabilitar 67 vivendas e investir 658.000 euros na nova fase do ARI de Estribela
Por Redacción
O Concello de Pontevedra propón ao Ministerio de Fomento que aprobe unha sexta fase da Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Estribela na que se recuperen 67 vivendas de nove edificios diferentes e se acometan tres pequenas obras de urbanización en tres rúas do barrio. O custo total do programa ascendería a 658.782 euros neste ano 2015.
Os datos figuran na memoria-programa para a segunda fase do ARI aprobada este luns pola Xunta de Goberno local, pero a súa aprobación definitiva dependerá do Ministerio de Fomento, pois se enmarcan no plan estatal de vivenda. "A última palabra tena o ministerio", explicou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro.
Segundo a información facilitada por Louro, os nove edificios que albergan as vivendas a rehabilitar están situados nas rúas Marqués de Valterra, Montero Ríos, Senén Sobral e As Laxes e as obras públicas propostas sitúanse na rúa do Mercado, Marqués de Valterra e Montero Ríos e consitirán en traballos para mellorar a accesibilidade, a pavimentación e as beirarrúas.
O responsable municipal de Urbanismo quéixase do "escaso orzamento dispoñible" para esta nova fase do ARI, que por primeira vez se financia con cargo ao plan de vivenda 2013-2016, así como a falta de apoio da Xunta de Galicia, que non achega fondos nesta ocasión. Dos 658.782 euros presupostados, Fomento achegará 230.579 euros; o Concello, 180.682; e os propietarios os 247.533 restantes.
Louro recordou que o importe máximo das subvencións será de 11.000 euros por vivenda, sempre sen exceder o 35% do custo da obra.
Esta sexta fase coincidirá no tempo coa quinta fase, que xa está aprobada e en funcionamento e permitirá acometer 32 obras de rehabilitación de vivendas e a mellora da rúa Comboa. En total, as catro fases anteriores xa permitiran 99 rehabilitacións.
A memoria-programa que propón o Concello terá que entregarse a Fomento antes deste venres 17 de abril. Ademais, nesa data tamén terán que ter na Administración estatal o proxecto para o ARI do casco histórico, de modo que ao longo desta semana se convocará unha Xunta de Goberno local para aprobar a primeira fase desta actuación, que proporá mellorar 147 vivendas.
Relacionadas:
-
Con atraso e peor dotado, pero á fin chega o ARI do centro histórico
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello propón un investimento de seis millóns de euros no ARI do centro histórico
Por Redacción |
-
Máis preto da nova fase do ARI de Estribela, pero sen noticias do centro histórico
Por Redacción |
-
Os veciños de Estribela ingresan máis de 110.000 euros polas subvencións da Área de Rehabilitación Integral
Por Redacción |
-
O Centro Histórico de Pontevedra, declarado Área de Rehabilitación Integral
Por Redacción |