A Pontevedrada bate récord con case 600 inscritos para a súa andaina solidaria a Santiago
Por Alejandro Espiño
Máis de 575 persoas inscribíronse xa para participar na quinta edición da Pontevedrada, unha marcha nocturna polo Camiño Portugués ata Santiago -63 quilómetros de percorrido- que pretende concienciar da importancia da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos. Esta andaina celebrarase o próximo sábado 25 de abril. Os participantes sairán ás oito da tarde da praza da Ferrería.
Segundo avanzaron os seus organizadores, entre os inscritos hai "marchosos" procedentes de toda Galicia, Cantabria, Madrid, Barcelona, León, Mallorca, Francia ou Suíza. Todos partirán dende Pontevedra e tras efectuar breves paradas de descanso e refrixerio en Barro, Caldas de Reis, Valga e Padrón, chegarán á compostelá praza do Obradoiro o domingo ao mediodía. Cada participante deberá efectuar o retorno a casa pola súa conta.
Os organizadores recordan que non é obrigatorio completar todo o percorrido da Pontevedrada e que haberá apoio loxístico de vehículos particulares e profesionais de asistencia en ruta, así como unha cobertura complementaria de grandes vehículos, fretados solidariamente polo Concello de Pontevedra e a Deputación e que, sinalaron, actuarán como unha especie de "gran coche escoba".
Dende a Asociación de Amigos da Pontevedrada reiteran a necesidade de que cada participante leve chaleco reflectante, lanterna ou frontal con pilas de reposto, un teléfono móbil cargado, bebida e alimentos lixeiros, roupa de abrigo e chuvasqueiro, bastóns de trekking, calzado e calcetíns de reposto e unha pequena caixa de primeiros auxilios.
As inscricións continúan abertas e pódense realizar a través do correo electrónico pontevedrada@gmail.com.
A gran novidade deste ano, explicou Raúl Álvarez como membro da organización, é que dous dos voluntarios da asociación crearon unha APP para smartphones para os participantes desta marcha solidaria. Con ela, cada persoa estará xeolocalizada e con tan só pulsar un botón poderá contactar con asistencia sanitaria ou con asistencia en ruta se necesita o seu apoio en calquera momento.
Raúl Álvarez sinalou que a maior parte dos "marchosos" que participan na Pontevedrada o fan por diferentes motivos persoais relacionados coa saúde, máis que polo reto solidario en si ou pola singular experiencia de percorrer o Camiño Portugués durante a noite. Con todo, animou os pontevedreses e os que queiran vir dende diferentes puntos da xeografía galega ou nacional a que se unan a esta experiencia "máxica".
Ademais, para reforzar o obxectivo desta marcha solidaria, membros da Asociación de Doadores e Receptores de ÿrganos de Vigo estarán na Ferrería para informar os participantes sobre toda clase de doazóns. Todo iso para intentar aumentar o número de doadores en Galicia, especialmente de medula, segundo explicou o seu presidente, Celso García. "Será un aliento de solidariedad", destacou.
Relacionadas:
-
A chuvia non pode co entusiasmo da Pontevedrada
Por Mónica Patxot |
-
Case 1.000 inscricións para a Pontevedrada 2015
Por Redacción |
-
A quinta Pontevedrada solidaria a Santiago abre o prazo de inscrición anticipada
Por Redacción |
-
A Pontevedrada e o micólogo Jaime Blanco Dios, primeiros candidatos aos Cidade de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
600 persoas participan na 'Pontevedrada 2014', a marcha solidaria coas doazóns
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |