Unha subvención municipal permite ofrecer un servizo de intérprete e de acompañamento ás persoas con discapacidade auditiva
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra, a través da súa concellería de Benestar Social, proporcionará á Asociación de Xordos de Pontevedra unha axuda de 6.000 euros, repartida en seis meses, que destinará a ofrecer o servizo de intérprete e de acompañamento ás persoas con discapacidade auditiva do municipio.
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces; acompañada do presidente da asociación, Héctor Heinzen, explicou que se trata dunha medida de gran importancia para á comunidade xorda de Pontevedra, xa que poderán dispor, previa solicitude, dun intérprete ou persoa que os acompañe cando así o precisen.
Durante a presentación oficial da iniciativa, Héctor Heinzen, amosou o seu agradecemento ao Concello de Pontevedra polo seu apoio e explicou que se trata de dous servizos de especial importancia para a comunidade xorda da cidade, xa que estas figuras son necesarias para realizar accións tan cotiás como ir ao médico, acudir a unha reunión cun avogado por calquera tema persoal ou solucionar un trámite relacionado coa administración. Ata agora, na asociación dábase cobertura a estas necesidades dos usuarios a través do noso equipo de voluntarios e intérpretes profesionais. Con esta medida, garántese o servizo e permite a súa ampliación.
O servizo pode solicitarse no propio Concello de Pontevedra e teñen tamén a disposición dos usuarios o teléfono da Asociación de Xordos de Pontevedra 986 85 56 64, o email sordospontevedra@gmail.com ou poden achegarse en persoa á sede da asociación situada na segunda planta do edificio número 40 da céntrica rúa de Michelena.
Durante a presentación da medida, Héctor salientou as novedosas accións que a asociación está a implementar como, por exemplo, dous obradoiros gratuitos para persoas con discapacidade auditiva que se impartirán a partir do mes de abril na Casa Azul, -periodo de inscripción aberto-, cursos de lingua de signos que se imparten xa na asociación tanto para personas ouvintes como con discapacidade auditiva, ou as xornadas de coaching que se celebraron por primeira vez o ano pasado en Pontevedra e xa están cos preparativos da segunda edición.
Relacionadas:
-
A Asociación de Xordos precisa dun local social e de maior apoio institucional
Por Oskar Viéitez |
-
A Federación de Xordos pide ao Concello que siga subvencionando un intérprete de Lingua de Signos
Por Redacción |
-
Unha intérprete de lingua de signos, a disposición da comunidade xorda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |