As Rías Baixas presumen da calidade da súa oferta turística
Por Redacción
Case duascentas empresas e establecementos da provincia de Pontevedra foron premiadas este martes polo seu bo facer en todo tipo de actividades relacionadas co turismo. Todas elas recibiron os diplomas e distintivos do Sistema Integral de Calidade Turística (Sicted) co destino Rías Baixas. Foi nun acto que se celebrou no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.
Son en total 188 iniciativas as que recibiron un recoñecemento que, segundo destacou Rafael Louzán, "premia o traballo e a dedicación realizados no último ano nesa aposta pola calidade que xa se ven realizando no sector turístico, co fin de ir un chanzo máis na procura da excelencia turística". Recordou que, na implantación deste sistema de calidade, Turismo Rías Baixas foi pioneira en España.
Nesta novena fase do Plan de Calidade distinguiuse a 48 novas empresas e renovouse a marca a outros 140 establecementos. Todos eles axudan, dixo o presidente da Deputación, a mellorar a imaxe que os nosos visitantes teñen da nosa terra. "Galicia e as Rías Baixas son un destino único e só falta poñerlle o cariño para que o visitante reciba ese complemento de calidade. O resto xa o temos: unha paisaxe e unha gastronomía única e destinos inmellorables", destacou.
Os galardoados son 32 aloxamentos rurais, 31 hoteis e apartamentos turísticos, 16 museos e centros de interpretación, 13 axencias de viaxes, 12 taxis, 11 empresas de transporte, 11 restaurantes, 10 adegas, 10 oficinas de información turística, 8 empresas de turismo activo, 8 comercios, 6 praias, 6 campings, 5 catalogados como outros servizos, dous bares e cafeterías, dous servizos de saúde, un albergue, unha escola de español para estranxeiros, un guía turístico, un porto deportivo e unha empresa de turismo industrial.
Este diploma de Calidade Turística en Destino acredita o compromiso coa calidade e a mellora continua, distingue ao establecemento fronte á competencia e ten validez bianual.
SEXTO DESTINO TURÍSTICO
No acto, Louzán recordou que actualmente as Rías Baixas son o sexto destino turístico de España e con esta aposta pola calidade "podemos escalar un ou dous postos e, iso, para a nosa economía e a xeración de oportunidades de traballo é o mellor que se pode facer neste momento". En 2014, algo máis dun millón de persoas escolleron Pontevedra como destino, o que a coloca como o segundo lugar da comunidade máis visitado despois de Santiago.
Este potencial vese reflectido nas "boas expectativas" que se presentan en materia de xeración de emprego no sector. Así, o presidente da Deputación pediulle aos galardoados que aproveiten esa aposta pola calidade para facer deste sector "nicho de emprego", xa que "hoxe en día hai moitas persoas formadas e preparadas que oxalá poida atopar con vós un nicho de oportunidades. Se é así, ano a ano irémonos superando a nós mesmos".
Ademais, desde a Deputación avanzaron que en mes e medio as Rías Baixas serán un novo "Smart destino" grazas ao traballo conxunto da Administración provincial e o sector privado para que o sector turístico da provincia "teña un valor engadido que aporte riqueza e creación de emprego na comarca e en definitiva en toda Galicia".
Relacionadas:
-
A por 35 establecementos máis con 'Compromiso de calidade turística' na provincia
Por Redacción |
-
As Rías Baixas presumirán en FITUR de patrimonio arquitectónico
Por Alejandro Espiño |
-
Convocadas 20 bolsas de práctica laboral en oficinas de turismo da provincia
Por Redacción |
-
Sanxenxo busca empresas que se sumen ao Sistema Integral de Calidade Turística
Por Redacción |
-
As Rías Baixas conquistan o corazón de Madrid
Por Marcos del Río |
-
Fitur, escenario para promover a fidelización de turistas procedentes de Alemaña, Reino Unido e Noruega
Por Redacción |
-
210 empresas pontevedresas optan ao certificado de Compromiso de Calidade Turística
Por Redacción |