Os veciños reclaman un paso de peóns na Goulla
Por Redacción
As obras de construción da nova rotonda da Goulla, na estrada PO-531 que une Vilagarcía con Pontevedra, están a chegar á súa fin. Salvo polo carril bus dirección Pontevedra, que está bloqueado por unha columna de luz á espera de que Fenosa a traslade, todo está case rematado.
Antes de que conclúan os traballos os veciños do lugar demandan que se habilite un novo paso de peóns que permita cruzar con seguridade esta estrada, xa que entenden que o paso de peóns se instalou na estrada de Ribadumia, "nun lugar sen tránsito peonil".
As melloras executadas para mellorar a seguridade vial neste punto tamén inclúen dous carrís-bus para que o transporte público poida deterse con seguridade nas paradas de ambos os dous sentidos, pero os veciños advirten que os peóns seguen quedando "desamparados" sen forma de cruzar con seguridade.
Critican que se construíse na outra estrada un paso de peóns elevado entre os muros dun terreo e un almacén, que, segundo indican "apenas será usado xa que os comercios máis próximos, unha ferraxaría e unha tenda de repostos, están na mesma rotonda e cara a Ribadumia, hai un bar. Nada máis".
As obras tamén inclúen unha nova iluminación.