Susto por unha ola esquecida ao lume na rúa Iglesias Vilarelle
Por Redacción
Un pequeno accidente doméstico deu un bo susto aos veciños da rúa Iglesias Vilarelle. Os Bombeiros e a Policía Local de Pontevedra cortaron este xoves, sobre as 20.00 horas, este ámbito tras recibir o aviso dun posible incendio nunha vivenda do edificio número 10.
Saía fume por debaixo da porta, pero finalmente tratábase dunha ola esquecida ao lume.
A gran cantidade de fume que se orixinou polo descoido do veciño non causou máis danos que os da propia ola. O incidente solucionouse simplemente aireando a vivenda, a pesar do gran despliege de medios que se desprazou ata a zona de Campolongo.
CICLISTA ATROPELADO
Tamén durante esta xornada, na avenida de Corbaceiras, se produciu unha colisión entre un vehículo e un ciclista. Foi sobre as doce do mediodía. O ciclista resultou ferido e foi evacuado nunha ambulancia ao hospital, aínda que as súas feridas non revestían gravidade, segundo o servizo de emerxencias do 112.