O aire frío soprará nas Rías Baixas nun fin de semana seco e pouco nubrado
Esta fin de semana vai estar marcada por un tempo polo xeral despexado con algunhas nubes altas e néboas matinais, ademais dunha baixa probabilidade de chuvias segundo o servizo de Meteogalicia.
A influencia das altas presións con ventos de compoñente norte achegarán aire frío a toda Galicia este venres, provocando un lixeiro ou moderado descenso das temperaturas situándose en 5 graos as mínimas e 15 graos as máximas.
Durante o sábado, Galicia estará baixo influencia anticiclónica e o centro das altas presións que se sitúa sobre Europa manterá os ventos de compoñente norte e a entrada de aire frío. A temperatura non experimentará cambios significativos aínda que poderá descender lixeiramente. Os ventos soprarán nas Rías Baixas con intervalos moderados.
A xornada do domingo continuará dominada polas altas presións e os ventos do norte achegarán unha fronte moi pouco activa que só afectará ao litoral norte, no resto da Comunidade quedarán ceos pouco anubrado ou despexados e a tarde deixará ceos despexados nos que aparecerá o sol. A temperatura seguirá sen sufrir cambios significativos tendo as mínimas en 5 graos e as máximas en 15. Os ventos manteranse soprando frouxos dende o norte con intervalos moderados no litoral.