Parques acondiciona a zona verde de Filgueira Valverde para convertela en lugar de encontro
Por Redacción
A Concellaría de Parques e Xardíns está a reformar a zona verde situada entre a rúa Filgueira Valverde e a rúa Poza dos Canos. O propósito é crear unha zona de lecer e de estar para os veciños do barrio, incluso creando un pequeno espazo (elevado varios pasos sobre o terreo) que poida servir para acoller actividades públicas veciñais ao aire libre.
No proxecto contémplase retirar a actual capa de terra e herba para ser substituída por céspede, así como a plantación de diversas especies arbóreas e arbustos. Tamén se crearán distintos camiños para permeabilizar a parcela e facer que estea ben comunicada coas rúas Filgueira Valverde e Poza dos Canos.
Na estrema con Filgueira Valverde está prevista a plantación de jacarandás, así como liquidámbar alternandose con parterres de céspede para tapar a medianeira dos edificios que teñen fachada a Joaquín Costa, e pechando a parcela no lado oposto a Filgueira Valverde. Nun dos estremos da parcela plantaranse acacias de tres espiñas, e tamén nos pequenos xardíns da parte enlousada.
Toda a parcela disporá de diverso mobiliario público como bancos ou papeleiras.
Os traballos para transformar este espazo nun lugar de encontro veciñal teñen un custe de 60.000 euros e poderán estar listos nas vindeiras semanas.