Retoman as obras en varias rúas da cidade grazas ao bo tempo dos próximos días
Por Redacción
O bo tempo destes días permitirá ao Concello de Pontevedra retomar varias obras de reparación en diferentes puntos da cidade. Trátase dunha serie de traballos que tiveron que ser suspendidos a finais do pasado mes de febreiro debido ás continuas chuvias.
En concreto, a partir deste mesmo sábado retomaranse as obras de asfaltado na glorieta José Malvar con Loureiro Crespo. Comezarán ás 08.00 horas e rematarán ao longo da mañá. Produciranse cortes e desvíos da circulación de vehículos polas rúas estremeiras.
Ademais, tamén se acometerá a reposición de asfaltado na rúa da Seca. Comezarán ás 11.00 horas e rematarán esa mesma tarde. Darase paso alternativo aos vehículos no punto de corte.
Xa para o luns quedarán as obras de reposición de asfalto na rúa Italia, no barrio de Monte Porreiro. As obras comezarán ás 09.30 horas, logo da entrada aos centros de ensino. Quedarán finalizadas na mesma mañá.
Tamén rematarán no mesmo día os traballos de reposición de asfalto na rúa Carrasqueira. Estos comezarán ás 15.00 horas e obrigarán a anular parte do estacionamento e pecharase a circulación de vehículos pola rúa.