Denuncian que as ambulancias ilegais de BDM son usadas agora na Lama e en Ponte Caldelas
Por Redacción
O representante da CIG, Xabier Aboi, denuncia a firma dun convenio entre os concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos con Álvaro Barreiro, responsable da empresa BDM que está a ser investigado pola Fiscalía despois de que se tivesen interceptado dúas ambulancias con documentación falsa ademais de medicamentos e outro material sanitario caducado, como responsable dun novo grupo de Protección Civil para realizar servizos nestes concellos nos que, segundo denuncian dende o sindicato nacionalista, se están a utilizar as ambulancias en desuso de BDM.
Para Aboi resulta preocupante que estes concellos asinen este convenio con "un presunto delincuente" amparados polas consellerías de Sanidade e de Presidenica, da que dependen as organizacións de Protección Civil. O representante sindical considera grave que se conceda estes servizos coa cesión de instrumental e maquinaria de carácter público.
Dende o sindicato reclámase á Fiscalía que actúe contra Álvaro Barreiro, de quen denuncian que conta con dous expedientes sancionadores e que non pagaron ningunha das sancións e tampouco aportaron os pagamentos dos despedimentos de sete traballadores da empresa. Aboi indica que a Consellería de Sanidade recoñece que os datos sobre as irregularidades da empresa son certos e reclama que expliquen cantas sancións foron aboadas e por que a Consellería non actuou ante estas situacións nas que as ambulancias carecía de certificados técnicos sanitarios e de seguros mínimos. Pregúntase tamén por que a Fiscalía só chamou a declarar Álvaro Barreiro e á súa socia Berta Darriba en lugar de pedir declaracións dos traballadores, dos pacientes e de empresas que lle daban traballo a estas ambulancias.
A CIG solicitará ao BNG que pregunte nos plenos deses tres concellos pola firma deste convenio e vólvese preguntar que relación mantén este empresario co Partido Popular para que conte con protección da Xunta de Galicia a pesar da investigación aberta.
Relacionadas:
-
Os alcaldes da Lama, Ponte Caldelas e Fornelos desligan o servizo de ambulancias do convenio con Protección Civil
Por Redacción |
-
A CIG denuncia que as ambulancias con medicamentos caducados si facían servizos de Urxencias
Por Natalia Puga |
-
As ambulancias que retirou o guindastre tiñan medicinas caducadas e non podían facer transporte sanitario
Por Natalia Puga |