O espírito do antigo Concello de Xeve renace con 'SondeXeve', unha asociación multiparroquial
Por Alejandro Espiño
Unha vintena de colectivos sociais, culturais e deportivos de San Andrés de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido decidiron xuntar as súas forzas. Reuníronse en torno a unha nova asociación coa que pretenden "tirar xuntos" para as súas tres parroquias, segundo o seu presidente, Manuel Hermida. Fanse chamar SondeXeve e este venres mantiveron unha reunión co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O embrión desta asociación, formada entre outros polas comunidades de montes, asociacións de veciños, clubs deportivos ou entidades culturais, parte do programa Ruralactivo, unha iniciativa municipal para reverter o abandono do rural e que fixou o seu primeiro campo de actuación nestas tres parroquias que, no pasado, formaron o antigo Concello de Xeve, anexionado ao de Pontevedra en 1944.
Foi entón cando comezaron os contactos entre todos estes colectivos "e se xuntou un grupo moi agradable", explicou Manuel Hermida. Teñen varios proxectos en marcha, pero o primeiro que as asociacións das tres parroquias consensuaron impulsar é un complexo deportivo en Gatomorto (Santa María de Xeve). Estaría situado nuns terreos cedidos polos comuneiros ao Concello e onde quedou a medio construír un campo de fútbol.
Trátase dunha parcela de 15.000 metros cadrados e de propiedade xa municipal, onde SondeXeve asegura que o "ideal" sería a construción de dous campos de fútbol de herba sintética que, debido á súa boa situación e a súa proximidade co núcleo urbano de Pontevedra -tan só cinco minutos en coche-, tamén serviría para desconxestionar as instalacións da Xunqueira.
Un dos responsables deste proxecto, Luis Fontán, afirmou que se trata dunha opción "moi boa", porque entende que é "inviable" que cada parroquia conte co seu propio campo de fútbol. Ao agruparse as tres parroquias nunha mesma iniciativa que, ademais podería dar servizo a "toda a zona norte" pola súa proximidade con Cerponzóns e Lérez e aos numerosos colexios que hai na zona, cren que "daría moita vida" a esta parte do municipio.
Dende o Concello ven con bos ollos este proxecto, aínda que non poden prometer nada. Segundo o concelleiro Miguel Filgueira, o Concello de Pontevedra remitiu un convenio á Deputación mediante o que se pretenden construír, como mínimo, catro novos campos de fútbol. Pero aínda que ven a Xeve como unha "opción potente", haberá unha convocatoria pública e impulsaranse os mellores proxectos "porque nós non funcionamos por amiguismo".
Ademais desta reivindicación, SondeXeve está a preparar unha Festa da Natureza que pretenden organizar o próximo 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. Pola mañá haberá numerosas propostas lúdicas no monte e pola tarde o protagonismo será para diferentes iniciativas culturais. Esperan que haxa unha grande afluencia de xente, debido a que ese día, un venres, é festivo autonómico.