Uns ladróns incansables cun historial de 70 antecedentes e preto de 50 roubos
Por Natalia Puga
Dende o pasado mes outubro proliferaran os roubos no interior de vivendas, naves industriais e establecementos públicos en diferentes localidades de Pontevedra, A Coruña e Ourense, todos eles cometidos co mesmo modus operandi. Dende o primeiro momento a Garda Civil sospeitou que poderían ter os mesmos autores e, tras meses de investigacións, conseguiu a súa detención e a desarticulación dunha banda organizada moi activa que acumulou máis de 40 feitos delituosos e que, ademais, conta cun historial policial previo con 70 antecedentes.
As sete persoas detidas en Pontevedra, Sanxenxo e Ribadumia ao longo da madrugada e a tarde deste mércores no marco da operación Boyardo pertencían a ese grupo organizado e a Unidade Orgánica de Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra concluíu que estaban asentados en na comarca do Salnés e desprazábanse asiduamente a diferentes localidades da xeografía galega para seleccionar os obxectivos, valorar a súa accesibilidade e perpetrar os roubos, chegando a cometer ata catro nunha mesma noite. Utilizaban vehículos de alta gama para os seus desprazamentos e presentaban un alto nivel de vida.
Os detidos, seis deles de nacionalidade romanesa e un galego, están considerados como membros dun grupo cuxo fin era a comisión de delitos contra o patrimonio, fundamentalmente roubos con forza en naves industriais, gasolineiras e outros establecementos públicos (especialmente concesionarios de vehículos), así como en vivendas habitadas.
Os investigadores atribúelles a comisión de preto de medio centenar de delitos de roubo con forza, 19 en gasolineiras, 12 en naves, 7 en concesionarios e o resto en establecementos conmerciais e vivendas habitadas. 21 cometéronos na provincia da Coruña, 18 en Pontevedra e 4 en Ourense e en total xuntaron un botín que supera os 300.000 euros. Nalgún roubo chegaron a sumar obxectos valorados en 100.000 euros e noutros causaron danos materiais superioers a 50.000 euros.
A maior parte deses roubos teríanos cometido polo método do butrón. Segundo a Garda Civil, elixían prioritariamente as naves industriais que pola súa actividade ou aparencia exterior poderían dispoñer de grandes cantidades de diñeiro no interior das caixas fortes. Unha vez elixido o establecemento, fracturaban as paredes para acceder ao seu interior, apoderándose da caixa forte e de todos os efectos de valor que encontraban, especialmente equipos informáticos, de telefonía e calquera outro obxecto que fose de doada comercialización.
Cometeron 21 roubos na provincia da Coruña, 18 en Pontevedra e 4 en Ourense
A maioría dos establecementos posuían sistemas de alarma, sendo destruídas estas tras entrar no inmoble, causando cuantiosos danos materiais, o que indica que os supostos autores utilizaban un aparato inhibidor de frecuencias co fin de anular estes sistemas de seguridade. Tras a comisión dos roubos, retornaban aos seus domicilios no Salnés e, dende alí, xestionaban a súa distribución.
Tras a súa detención, na tarde deste xoves realizáronse catro rexistros en domicilios dos detidos en Portonovo, O Grove e Cambados e recuperouse unha importante cantidade de obxectos subtraídos. Entre eles destaca unha importante cantidade de teléfonos móbiles que habían subtraídos nunha nave industrial en Vilanova de Arousa, e abundante material informático e electrónico que foran subtraídos nos concesionarios de vehículos.
Os detidos están acusados de delitos de roubo, falsidade documental, branqueo de capitais, receptación, pertenza a organización criminal, roubo de vehículo de motor, danos e contra a seguridade do tráfico polos que dende primeira hora da mañá deste venres foron postos a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Cambados. O xuiz determinou o ingreso en prisión comunicada e sen fianza para cinco deles.