Seis anos e medio de prisión para un matrimonio que vendía droga nun bar de Raxó
Por Natalia Puga
O matrimonio formado por Fernando Manuel M.B. e María Victoria C.S. cumprirá unha condena a seis anos e medio de prisión -catro anos e medio el e dous anos ela- como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas por presuntamente vender ao 'menudeo' cocaína e haxíx no bar que rexentaban en Poio. O home foi o autor do delito e a muller, a súa cómplice.
Ambos os dous sentaron no banco dos acusados da Sección Cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra procesados por un delito contra a saúde pública, na súa modalidade de substancias que causan grave dano á saúde, en establecemento aberto ao público. O fiscal pedía inicialmente oito anos e seis meses de prisión para o home e sete anos para a muller, pero beneficiáronse dunha redución da condena a máis da metade.
No caso de Fernando Manuel M.B., aplícase a circunstancia agravante de reincidencia porque fora condenado en decembro de 2007 a tres anos de prisión por un delito contra a saúde pública. No caso dela, contémplase que carece de antecedentes e o fiscal considera que non foi a autora do delito, senón a súa cómplice. Ambos os dous deberán pagar, iso si, unha multa de 60.000 euros cada un.
Eles mesmos recoñeceron na sala os feitos dos que lle acusaba o fiscal, que sosteñen que en maio de 2012 alugaron unha casa de dous pisos en Raxó, en Poio, e destinaron a planta baixa a un establecemento de hostalaría que rexentaba Fernando Manuel e posteriormente a súa irmá, que inicialmente tamén estaba imputada nesta causa, pero máis tarde se arquivou a súa acusación.
Deberán pagar unja multa de 60.000 euros cada un
En 2013 a Garda Civil tivo coñecemento de que no local se dedicaban á venda ao miúdo de cocaína e haxíx, polo que se estableceu vixilancia na que os axentes observaron un trasfego constante de persoas coñecidas como consumidores habituais que "en non poucas ocasións" entraban na cociña para saír deseguida do establecemento.
Arredor das 23.30 horas do 30 de novembro de 2013, a Garda Civil rexistrou o bar e encontrou na cociña un bote de plástico con 5,854 gramos de cocaína distribuídos en 11 envoltorios de plástico; 0,351 gramos de MDMA, 66,470 gramos de resina de cannabis, distribuídos en dúas landras e dous anacos e 0,591 gramos de cannabis. Tamén apareceu un bote con 204,7 gramos de substancia de corte e ao propio acusado Fernando encontráronlle 0,738 gramos de cocaína no peto do pantalón e un envoltorio con 0,309 gramos de cocaína nunha cazadora. Ao día seguinte, nun rexistro da casa na que vivían enriba do bar encontraron 431,369 gramos de cocaína e 280,038 g de resina de cannabis, así como 6.855 euros.
O valor aproximado das substancias intervidas no bar ascendería a 800 euros e o das substancias intervidas na primeira planta do inmoble sería de 28.000 euros. Todo estaba destinado á súa distribución entre terceiras persoas.