Descualifican o barco de 'NO Celulosas' e lle impiden seguir competindo na regata interclubs da Ría
Por Redacción
O barco Ozoaqua, capitaneado por Juan Carlos Pérez Olmedo, situárase como un dos favoritos á vitoria na súa clase na I edición da Regata Interclubs da Ría de Pontevedra tras as dúas primeiras probas. Pero foi descualificado polo Comité de Disciplina da Federación Galega de Vela e non poderá seguir competindo no resto da regata. O motivo, a presenza da mensaxe 'NO Celulosas' nunha das súas velas.
O comité disciplinario, nunha resolución asinada o pasado día 3 de febreiro, conclúe que o lema 'No Celulosas' na ría de Pontevedra "ten unha clara adscrición a unha opción política, non compartida de xeito unánime". Este feito, segundo a Federación, incumpre a normativa internacional deste deporte, que impide todo tipo de publicidade política en calquera proba deportiva.
Ademais, aseguran que a conduta de Juan Carlos Pérez Olmedo constitúe un "mal comportamento como deportista", xa que recordan que foi advertido pola organización antes de que comezase a proba de que o devandito lema -que inicialmente era tamén o nome do barco- estaba prohibido. A pesar diso, destacan, "enganou o comité cambiando o nome, pero mantendo a publicidade política de xeito ostensible na vela maior".
Por todo iso, a organización resolveu anular os resultados logrados polo barco Ozoaqua nas dúas primeiras probas, disputadas en Combarro e Aguete, e excluílo de xeito expreso das seguintes probas da regata.
O capitán do barco explicou a PontevedraViva que a Federación os castiga "porque fomos uns nenos malos". Asegura que os responsables do comité "se puxeron ás ordes de non sei quen para que, sexa como sexa, sexamos retirados da regata", algo que achaca" a que este premio está patrocinado pola Deputación de Pontevedra e buscan impedir que poidamos recoller o premio de mans do presidente.
Ante este "escándalo e atropelo" que el e a súa tripulación sinalan ter sufrido, Juan Carlos Pérez Olmedo entende que o Partido Popular "está a favor da continuidade da fábrica de Ence en Pontevedra" e acúsalles de permitir que nun trofeo que leva o nome da Deputación "se cometan irregularidades, falsidades e mentiras para descualificar a unha embarcación que deportivamente venceu na auga".
Ademais, denuncia que eles pagaron 600 euros por participar na proba sendo o "único barco que o fixo entre os 43 inscritos". Explica que llelo esixiron para poder levar publicidade "pero polo visto ten que ser a publicidade que eles queiran". Neste sentido, asegura que 'NON Celulosas' é unha marca rexistrada na Oficina de Patentes ao seu nome e que NO Celulosas Ozoaqua SL é unha empresa constituída legalmente.
Pérez Olmedo estudará a posibilidade de presentar un recurso contra esta decisión.
Relacionadas:
-
O TSXG aproba o veto a un regatista por exhibir un lema contra Celulosas
Por Oskar Viéitez |
-
O TSXG aproba o veto a un regatista por exhibir un lema contra Celulosas
Por Oskar Viéitez |
-
Defensa da Ría de Pontevedra afirma que nas últimas eleccións gañou o "Non a Celulosas"
Por Redacción |
-
A I Regata Interclubs ponse en marcha cunha vistosa primeira xornada en Combarro
Por Redacción |
-
Un regatista denuncia que non o deixan participar co barco denominado 'No a Celulosas' no Premio Deputación
Por Anxo Lourido |