Edugal ultima os detalles da cuarta edición dun salón que pretende dar un "salto de calidade"
Por Redacción
Edugal pretende dar un salto de calidade na súa cuarta edición. O Salón de Oferta de Educación e Formación de Galicia celebrarase do 25 ao 27 de febreiro no Recinto Feiral de Pontevedra co obxectivo de converterse na máxima referencia no ámbito educativo, segundo indicaron este martes os seus organizadores, a Asociación de Empresarios da Mediana e Pequena Empresa (AEMPE).
Á oferta habitual, dirixida á capacitación profesional e á formación e orientación de estudantes, sumaranse este ano actividades como talleres de robótica, de utilización de dispositivos móbiles, de vídeo ou de cociña, aulas abertas, conferencias e mesas sectoriais.
A cuarta edición deste salón, destacan dende AEMPE, "parte da formulación dunha educación que se estende ao longo da vida e atende as necesidades de formación, mobilidade e globalización nun mercado laboral tan esixente como o actual, que require dinamismo e evolución constante,".
Para atender a esa demanda de educación e formación, tanto para o estudante coma para o empresario, o traballador ou todo aquel que busque entrar no mercado laboral a través dunha óptima cualificación profesional, Edugal contará coa presenza de representantes de todo o sector: centros educativos públicos, concertados ou privados, campus universitarios ou centros de Formación Profesional Dual.
Entre os expositores da presente edición cóntanse tamén conservatorios de música, escolas de danza e de artes escénicas, empresas de material escolar, fundacións e unha ampla representación de mozos emprendedores que enfocan as súas actividades aos sectores da educación ou a formación.
AEMPE prevé unha importante presenza de educadores, formadores, estudantes e empresarios. "Perseguimos unha maior calidade na formación, o éxito profesional do traballador, a eficacia dos recursos humanos das empresas... en definitiva, perseguimos ser un medio para converter as oportunidades en realidades", conclúen.
Relacionadas:
-
Edugal consolídase tras recibir máis de 12.000 visitantes
Por Redacción |
-
O Recinto Feiral será o centro da oferta de educación e formación de Galicia a partir do mércores 25
Por Redacción |
-
Edugal abre as súas portas esperando "llegar a los 18.000 visitantes"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Edugal, o Salón de oferta de Educación, chega coa intención de potenciar a formación dual
Por Redacción |