Todos os partidos da Lama póñense de acordo para pedir un mellor servizo de Correos
Por Redacción
O Pleno da Corporación da Lama aprobou na súa última sesión por unanimidade de todos os partidos solicitar a Correos unha mellor atención na repartición de cartas no municipio xa que, segundo sosteñen, se realiza con atrasos que provocan serios prexuízos.
Como exemplo do dano que poden provocar eses atrasos, dende o Concello indican que nalgúns casos os gandeiros ven como os avisos e certificados remitidos pola Administración lle chegan moi tarde ocasionándolles graves problemas cos prazos de resposta.
Este acordo forma parte dunha moción presentada polo PSdeG-PSOE na qu tamén indícase que a Delegación da Zona de Pontevedra de Correos aplicará unha renovación e reestruturación técnica como consecuencia da xubilación dunha das carteiras que realizan os seus servizos en varias parroquias, entre elas Seixido e Xesta, polo que a Corporación facultou o alcalde, Jorge Canda Martínez, para que solicite a convocatoria da praza que, presuntamente, se pretende agora amortizar.
Os grupos tamén acordaron pedir a Delegación de Pontevedra que non recorte o horario de prestación de servizos da oficina de Correos da Lama, que permanece aberta ao público durante tan só dúas horas.
A Corporación aprobou por unanimidade de todos os concelleiros presentes dedicar unha rúa de recente apertura, próxima á igrexa da localidade, ao cura párroco recentemente falecido, Miguel Carbajal Sobral, por proposta do grupo popular e do edil non adscrito. Tanto o alcalde, Jorge Canda Martínez, como o voceiro municipal do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, e o concelleiro non adscrito, Andrés Cal, manifestaron as súas condolencias polo falecemento do sacerdote e mostraron o seu respecto e agradecemento pola súa importante contribución ao Concello.
O edil non adscrito, Andrés Cal Malleiro, aproveitou a sesión para anunciar que nos próximos días renunciaría á súa acta de concelleiro para cumprir coas esixencias da nova formación política pola que concorrerá aos comicios municipais do 22 de maio deste ano. Tras o seu anuncio, a agrupación do PSdeG-PSOE mostra a súa satisfacción pola recuperación a poucos meses das eleccións municipais do concelleiro que lles foi arrebatado cando o número tres da lista decidiu pasarse ao Grupo Mixto. "Cando Andrés fixo iso, fuéeel trago máis amargo da miña vida política", explicou Enrique Vaqueiro.