Consultora Galega, redactora do PXOM de Pontevedra, aproba o convenio para superar o concurso de acredores
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Mercantil número un de Pontevedra aprobou o convenio do concurso de acredores de Consultora Galega SL. para saír da situación de insolvencia na que se encontra inmersa. Esta consultora foi a responsable da elaboración do borrador do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) por encarga do Concello de Pontevedra no ano 2004.
O Boletín Oficial de Estado (BOE) deste luns publica a sentenza na que se aproba xudicialmente o convenio proposto pola concursada e aceptado pola Xunta de acredores. O administrador concursal é Juan Luis Fernández Núñez.
O goberno local é coñecedor das dificultades que atravesa Consultora Galega. De feito a situación deste grupo consultor de carácter multidisciplinar podería afectar ao PXOM de Pontevedra, aínda que dende hai un ano o Concello mantén o documento "gardado nun caixón".
A administradora única desta sociedade que ten a súa sede en Pontevedra, Maribel González Lojo, expresou a súa vontade de seguir adiante e saldar as súas débedas pendentes.
Ademais do Plan Xeral de Pontevedra, Consultora Galega elaborou tamén os de Vigo, As Neves, Cangas, A Illa, Vilagarcía, O Rosal, Verín o Camariñas, entre outros, ademais de traballos como o plan especial de protección do Pazo de Oca ou a Delimitación do Camiño Francés e a súa área de influencia.