Os escolares de Lérez póñense na pel dun enfermo de párkinson
Por Redacción
A Asociación Párkinson Galicia-Bueu, en colaboración coa Concellería de Educación, axudou aos escolares de Pontevedra a poñerse na pel dos enfermos de párkinson e sentir as súas dificultades na vida diaria co fin último de sensibilizar sobre a enfermidade.
A fórmula escollida foi un obradoiro que nos últimos días xa pasou por centros educativos de Educación Infantil e Primaria como o de Carballeira (Lourizán) e que este venres contou coa presenza do concelleiro Agustín Fernández no colexio de San Bieito (Lérez).
Segundo informou o Concello, o obradoiro comezou co reparto de libros de banda deseñada, para, a continuación, dividir aos rapaces en grupos para participar nas distintas actividades que simulan a rixidez muscular, a lentitude de movementos, as anomalías ao andar, a torpeza manipulativa, a perda da fala, os trastornos do equilibrio, visión alterada, inestabilidade e alteracións da marcha.
Na actividade utilizáronse útiles como cobadeiras de neopreno, corsés, bolígrafos con resorte, pés de velcro, luvas de dedos gordos, máscaras anticomunicación, bastóns do mareo, gafas túnel, pelotas suízas, gomas para suxeitar os pes e un lapiz suxeito cos beizos.
A xornada rematou cun debate sobre o impacto desta enfermidade e unha exposición sinxela do que se coñece sobre ela. Finalmente, entregáronse libros sobre o párkinson para a biblioteca do centro.