Piden que Rajoy sexa persoa non grata en Pontevedra por "mal gobernante, estafador e mentireiro"
Por Alejandro Espiño
Sobran os motivos, como di a canción de Joaquín Sabina. Así polo menos pensa Anova Irmandade Nacionalista, o partido liderado por Xosé Manuel Beiras. Acaban de presentar no rexistro municipal unha moción para que Pontevedra declare ao presidente do Goberno, Mariano Rajoy, persoa non grata na cidade. Cualifícano de "mal gobernante, estafador e mentireiro".
"As mentiras de Rajoy só trouxeron pobreza e máis sufrimento as capas máis vulnerables da poboación", explica o voceiro de Anova en Pontevedra, David Carballal. Recorda que na campaña electoral o PP asegurou que "non ía a subir os impostos, non ía tocar as pensións e non ía recortar en sanidade e educación e fixo todo o contrario do que dixo que faría".
Entre estes "incumprimentos fragrantes", David Carballal citou expresamente a subida do IVE e do IRPF, a reforma laboral, o copagamento sanitario ou os recortes en educación, aínda que puxo un exemplo moito máis próximo. "Estamos pendentes do abaratamento da peaxe entre Pontevedra e Vigo en Rande, comprometida publicamente, e non só non baixou, senón que non para de subir".
Tras insistir en que "Rajoy minte todos os días", Anova fai un chamamento á cidadanía xa que "cómpre mobilizarse, denunciar e poñer a estes gobernantes que se consideran impunes diante da sociedade, para que esta coñeza a clase de xente que son".
Recoñecen que será moi difícil que esta moción chegue ao pleno, ao non ter representación na corporación municipal. Pero din que xa se entrevistaron por Anxos Riveiro, concelleira do BNG, e con Antón Louro, portavoz do PSdeG-PSOE, para presentarlles esta iniciativa, polo que "agora tócalle a eles definirse e ver se están de acordo co que está facendo o Goberno".
Anova estenderá esta iniciativa en próximas semanas. Din que empezan por Pontevedra porque "Rajoy é de aquí, aínda que non exerce como tal", o que confire á súa proposta de maior valor simbólico, pero presentarán esta mesma moción en todos os concellos da comarca de Pontevedra. Será un primeiro paso para estendelo ao resto de Galicia e ao Parlamento, onde chegará da man dos deputados de Alternativa Galega de Esquerdas, a coalición na que está integrada Anova.