Usa un permiso de residencia falso para examinarse do carné de conducir
Por Natalia Puga
Un veciño de Marín de orixe ganés foi detido esta semana tras intentar sacar o permiso de conducir usando documentación falsa. O mozo é xa reincidente neste tipo de infraccións penais e nesta ocasión está acusado dos delitos de usurpación de estado civil e falsificación documental.
O delito teríaos cometido este luns 12 de xaneiro e descubrírono efectivos do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra. O mozo acababa de examinarse da proba teórica para obter o permiso de conducir e entregou os papeis co seu permiso de residencia, pero a documentación resultou ser falsa.
Segundo informou a Garda Civil, o permiso de residencia carecía de marcas de seguridade e a fotografía tiña mostras de ter sido cambiada. Os axentes de Tráfico descubriron que a identidade do devandito documento correspondía a outra persoa, un compatriota seu de Ghana.
Tras comprobar esta falsificación, o mozo foi detido e trasladouse á Comandancia da Garda Civil, onde se instruíron dilixencias por estes feitos. Alí comprobouse que xa fora detido por feitos similares o pasado mes de maio en Vigo. Esta semana quedou en liberdade coa obriga de presentarse no Xulgado de Instrución número 3 se Pontevedra cando o citen para iso.