César Abal responsabiliza o Concello do fracaso do proxecto inicial do complexo deportivo da Parda
Por Alejandro Espiño
O concelleiro do Partido Popular, César Abal, criticou este luns que o Concello de Pontevedra renunciase ao proxecto inicial para a construción do novo centro lúdico e deportivo da Parda. Obviando que foi a Xunta quen renunciou a este, a pesar de haber un convenio asinado con Deputación e Concello -no que tamén se incluía Pasarón-, o edil responsabilizou o goberno municipal do fracaso do devandito proxecto.
César Abal sinalou que o propio Partido Popular presentou unha moción no Pleno para que a corporación municipal instase á Xunta a continuar con ese proxecto e o goberno non a apoiou". Negou ademais que se tería adiantado diñeiro das arcas municipais, como sostén o Concello -que reclama á Xunta uns 300.000 euros-, para a construción do centro deportivo da Parda.
O concelleiro popular fixo estas declaracións tras a reunión da Xunta Reitora do Instituto Municipal de Deportes (IMD) que aprobou, coa abstención dos populares, a prórroga da concesión das piscinas de Campolongo a Serviocio ata que se adxudique o novo contrato. O concelleiro do PP criticou que esta sexa a "sexta prórroga irregular" que aproba o goberno municipal con informes técnicos en contra.
Pero o verdadeiro cabalo de batalla foi a aprobación do proxecto de explotación conxunta de Campolongo e o futuro complexo lúdico e deportivo da Parda. O PP votou en contra ao entender que non cumpre coas necesidades dos cidadáns e clubs deportivos de Pontevedra e "solo atiende a criterios empresariales" dunha empresa privada, "hipotecando el futuro parque urbano" nesa zona da cidade.
Neste sentido, Abal lamentou que o proxecto prime a creación de catro pistas de pádel e tres piscinas ao aire libre, renunciando a que as empresas que se presenten ao concurso poidan presentar as súas propias propostas. Ademais, asegura que o prego do contrato limita o uso das piscinas por parte dos clubs, o que tería motivado, dixo, a súa abstención na votación deste luns.
Relacionadas:
-
Ningunha empresa presenta oferta para xestionar conxuntamente as piscinas de Campolongo e A Parda
Por Diego Espiño |
-
O abono para as piscinas de Campolongo dará acceso sen custo adicional ao novo complexo da Parda
Por Diego Espiño |
-
As piscinas de Campolongo e o centro deportivo da Parda terán novo xestor en abril
Por Alejandro Espiño |