Treboada de ideas en Turismo Rías Baixas
Por Oskar Viéitez
Problemas de accesibilidade, mal estado das oficinas, maior coordinación, necesidade dun técnico de referencia Estas son algunhas das principais demandas ou carencias que lle plantexaron ao presidente da Deputación, Rafael Louzán, e ao presidente de Turismo Rías Baixas, José Manuel Figueroa, nunha xuntanza de traballo con máis de 45 bolseiras que traballan ou traballaron este ano nas distintas oficinas de turismo da provincia de Pontevedra.
Esta reunión tiña por obxecto repasar a actividade realizada, así como recoller esas demandas e carencias que os turistas ou os propios profesionais detectan para tratar de corrixilas e mellorar a calidade do servizo que se ofrece.
Na xuntanza, moi aberta e participativa, o presidente da Deputación salientou a importancia deste tipo de citas e manifestou a súa intención aumentar o número de oficinas de turismo en 20 máis, agora mesmo son 45, así como facer desta provincia un "territorio 100% accesible" e centrar máis atención ao turista con discapacidade.
Sobre este respecto Louzán pretende "que dispoñamos dun persoal perfectamente cualificado para atender ás persoas con calquera tipo discapacidade, especialmente na comarca do Salnés onde coa construción das Pousadas 100% accesibles se espera no futuro a chegada dun importante número de turistas con este perfil".
Tamén a Deputación, segundo explicaron Louzán e Figueroa, seguirá traballando en mellorar a sinalización e revisará os folletos informativos introducindo certos cambios propostos polas bolseiras de turismo, atendendo as demandas que os turistas lles reclaman diariamente.
Finalmente, moitas bolseiras manifestaron a necesidade de potenciar a figura dos técnicos en turismo que "non so están preparados para ofrecer información ó turista de sol e praia", senón que teñen a capacidade de "deseñar en colaboración cos concellos un programa turístico para todo o ano".