O reloxo do Centro Cultural de Ponte Caldelas, listo para as badaladas de Fin de Ano
Por Redacción
Enrique Lafuente Rodríguez é o reloxeiro encargado de darlle vida, a diario, ao reloxo de torre situado no Centro Cultural de Ponte Caldelas, antigo cárcere da localidade. El é o último continuador dunha tradición familiar encargada de dalo corda a un enxeño de patente hispano-francesa vendida ao Concello de Ponte Caldelas no ano 1904 polo virtuoso inventor da época, o coñecido Antonio Canseco.
A pericia como vendedor, que en nada tiña que envexar á súa faceta como inventor, convenceu ao entón alcalde de Ponte Caldelas, José López, para que comprase pola espectacular cifra de case 3.000 pesetas daquela un reloxo de máxima precisión que se pagou en cómodos prazos e cuxa vixencia e funcionamento segue impecable a pesar dos anos e as vicisitudes padecidas.
Hoxe é Enrique Lafuente Rodríguez, xerente da Xoiaría Reloxaría Reme de Ponte Caldelas, quen mantén unha relación especial con este reloxo, que este 31 de decembro se poñerá a proba en dúas ocasións coa toma das uvas, adiantadas ao mediodía para goce dos máis pequenos, e as tradicionais badaladas de media noite, en sincronía co medidor de tempo da Porta do Sol de Madrid.
O feitizo que fai que este home acuda puntualmente todos os días á cita con este enxeño da tecnoloxía daquel momento produciuse un pouco por casualidade. A tradición familiar de darlle corda ao reloxo do cárcere mantíñaa a súa sogra quen un mal día, xa moi maior, sufriu un accidente ao caerse da escaleira de man que permitía o acceso ao faiado onde se situaba a maquinaria que revivía o señor do tempo.
Ese feito fixo que Enrique Lafuente se enfadase moito con ela e lle prohibise volver subir o faiado do antigo cárcere por aquela escaleira de man. Ante a petición da súa sogra de seguir co compromiso familiar de darlle vida a diario ao reloxo de torre, Enrique Lafuente non tivo máis remedio que continuar co labor que, a xeito de herdanza, lle traspasara a súa nai política, polo menos "mentras ela seguira con vida", sinala.
Malia todo, pouco a pouco se foi fraguando unha estraña amizade entre Enrique Lafuente e o reloxo de torre do antigo cárcere de Ponte Caldelas e, coma se dunha estraña adicción se tratase, o reloxeiro da vila segue hoxe, despois de case 40 anos, asistindo de xeito inescusable á súa cita diaria con este invento patentado por Antonio Canseco.
"ÿ unha tradición que irá desaparecendo coa xente maior e creo que as miñas filla e os meus netos tampouco seguirán coa tradición"
"A verdade é que non sei como foi, pero a miña intención era ir a darlle corda ao reloxo mentras vivira a miña sogra e, ao final a verdade é que ata que non vou xunto del a darlle á manivela e subirlle os pesos parece que me faltara algo", confesa o reloxeiro. "Nunca me esquezo de darlle corda ao reloxio. Vou todos os días. Si teño que marchar da vila vou pola mañá e si veño tarde, aínda que sexan as dúas ou as tres da mañá, vou ata alí a darlle corda".
Lafuente Rodríguez lamenta que esta tradición non teña continuidade en Galicia. "Hoxe quedan xa poucos reloxos accionados manualmente e aos que haxa que darlle corda todos os días. Había un en Forzáns que tamén había que darlle corda manual, pero agora o novo cura xa lle instalou un sistema eléctrico. ÿ unha tradición que irá desaparecendo coa xente maior e creo que as miñas filla e os meus netos tampouco seguirán coa tradición", di con pena.
Enrique Lafuente sinala que en torno a este reloxo hai mil e unha anécdotas e recorda con especial sensibilidade unha protagonizada por un preso político ourensano que estaba recluído no cárcere de Ponte Caldelas, onde se sitúa o reloxo de torre, e como coñeceu a unha das fillas do reloxeiro encargado do mantemento e de darlle corda diaria ao contador do tempo.
Ao parecer, todos os días a moza acudía á súa cita co reloxo e escoitaba dende un pequeno burato no que estaba recluído o preso como a chamaba e ía mantendo unha pequena relación de amizade que, ao finalizar o conflito bélico, rematou en voda, actuando como testemuña da súa relación o reloxo de torre do cárcere de Ponte Caldelas.
Agora, coa celebración das doce badaladas de Fin de Ano volve tomar protagonismo o reloxo de torre do centro cultural e Enrique Lafuente ten todo preparado para que a precisión e o bo funcionamento acompañen os veciños do municipio no tránsito de poñer fin ao 2014 e dar a benvida ao 2015.