O BNG de Marín prepara unha homenaxe á figura de Francisco Carballo
Por Redacción
Francisco Carballo faleceu en Salamanca o pasado 29 de novembro. Foi unha figura importante para o BNG de Marín e por iso estanlle a preparar unha grande homenaxe.
Residiu en Marín durante gran parte da súa vida. Dende 1954 a 1958 foi director técnico do colexio dos Padres Paúles, coñecido como San Narciso, e dende a súa xubilación como mestre volveu á esta sede exercendo tamén como Superior da comunidade.
Mais a figura de Francisco Carballo, segundo o BNG marinense, vai moito máis alá do relixioso. Foi un profesor, político ou historiador que dedicou a súa vida á defensa de Galicia e estivo comprometido co nacionalismo dende a súa militancia, primeiro na ANPG e ata o fin da súa vida no BNG, sinala o responsable local da formación en Marín, Xosé María Vilaboa.
"Carballo é un referente da dignificación da nosa nación, en Marín son moitas as persoas que tiveron contacto directo con el e a ocasión de aprender todo o que sempre estaba disposto a ensinar e compartir", lembra Vilaboa.
Así se demostrou na homenaxe que o BNG de Marín organizou en 2005 á que, ademais de figuras sobranceiras do nacionalismo, sumáronse moitos marinenses que tiveron oportunidade de celebrar con el "o que significa toda unha vida de compromiso nacionalista e de dedicación á investigación e a recuperación da nosa historia roubada".
Para o responsable local do BNG, "é obrigado por tanto reivindicar agora a súa memoria e dar oportunidade ao pobo de Marín, e a todas as persoas, que sen dúbida se sumarán, de homenaxear ao seu mestre". Será cun acto aberto ao público que se está a preparar para o próximo mes de xaneiro.