Tres mozos aceptan dous anos de prisión por poñer en circulación billetes falsos de 50 en Poio e Sanxenxo
Por Natalia Puga
Dous anos de prisión e unha multa de 1.600 euros. ÿ a pena que deberán cumprir tres homes por poñer en circulación billetes falsos de 50 euros en Sanxenxo e Poio no ano 2011.
Alberto P.M., Cristian S.P. e Jonatan P.V., os tres veciños de Vigo, sentáronse no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra para responder por un delito de tenza de moeda falsa para a súa expedición e dunha falta continuada de estafa polos que o fiscal lles pedía inicialmente catro anos e medio de prisión e unha multa de 12.500 euros (polo delito) e unha multa de dous meses a razón de 12 euros diarios (pola falta). Tras alcanzar un acordo de conformidade co fiscal, a pena polo delito viuse reducida a dous anos e 1.600 euros e pola falta a unha multa de 720 euros.
Os tres acusados conformáronse coa nova petición do fiscal e aceptaron o seu relato dos feitos, segundo o cal, postos de común acordo e con ánimo de ilícito enriquecemento, recibiron dunha persoa da que non se conseguiu descubrir a identidade un mínimo de 52 billetes falsos de 50 euros para poñelos en circulación.
Os tres foron sosprendidos nos seus delitos sobre as 21.15 horas do 30 de xullo de 2011, mentres se encontraban nas inmediacións dos postos feirais de Portonovo. Os tres ocultaron debaixo do volante -no compartimento dos fusibles- do vehículo Renault Twingo 48 billetes falsos de 50 euros e un máis dentro dunha bolsa.
Ademais deses 49 billetes falsos, no monento en que os detivo a Garda Civil interviñéronselles 2.415,02 euros en moeda auténtica distribuídos en billetes de 20, 10 e 5 euros e a un deles, Jonatan P.V., tamén 2.065 euros en 83 billetes de 20 euros, 28 billetes de 10 e 15 billetes de 5.
Antes de que fosen sorprendidos, e sendo plenamente conscientes de que non eran de curso legal, ese mesmo día actuaran en polo menos cinco negocios lugares de Sanxenxo e Poio. Así, no bar O Retorno de Samieira (Poio) pagaron dous paquetes de Filipinos, valorados en 2 euros cada un, cun billete de 50 falso e utilizaron outro para facer unha compra na carnizaría Taboada, tamén en Samieira.
Actuaron esa mesma xornada na xeadaría Trevo do paseo de Silgar de Sanxenxo e no establecemento Cerámicas A Adega de Samieira intentaron pagar con 50 euros falsos un obxecto valorado en catro euros, pero non o lograron porque a dependente detectou que non era auténtico mediante un dispositivo detector deste tipo de falsidades.
A última actuación que se lle atribúe de forma feaciente produciuse sobre as 20.00 horas no establecemento Meigallo do paseo de Silgar, onde intentaron comprar unha pulseira de bólas, pero a empregada detectou que o billete era falso.