O goberno local de Poio sopesa pedir un crédito para acometer obras nos colexios
Por Redacción
O concelleiro de Facenda do Concello de Poio, Xulio Barreiro (BNG) adiantou a posibilidade de pedir un crédito duns 300.000 euros co obxectivo de destinar a obras nos colexios, parques infantís, saneamentos e para cubrir o IVE das subvencións concedidas pola Xunta.
De aprobar esta opción sería a primeira vez en catro anos que se pedirá un préstamo. Iso é debido á redución da débeda nun 40% nos últimos anos.
Xulio Barreiro informou desta situación aos veciños que acudiron este venres ao salón de plenos do Concello onde se expuxo o borrador de presupostos municipais para o ano 2015, así como a adxudicación do contrato da recollida de lixo.
O presuposto elaborado polo goberno local de Poio elévase a 10,6 millóns de euros, o que supón un incremento dun 2% respecto ás contas do pasado ano. Con ese aumento, de 80.000 euros máis, cubriranse os gastos das axudas a domicilio da lei de dependencia.