Pontevedra, Bueu e Porriño, novos destinos das rutas de 'Natureza nos Camiños'
Por Redacción
Pontevedra, Bueu e Porriño. Serán o destino das tres saídas programadas este ano dentro do programa municipal 'Natureza nos Camiños', pensado como unha alternativa de lecer para as mañás dos domingos e que este novembro chega á súa sétima edición.
Un ano máis, dará a oportunidade de conxugar exercizo físico co estudo e coñecemento da natureza e descubrir espazos próximos moitas veces descoñecidos. A cita será cada domingo ás 10.00 horas.
Este outono a actividade permitirá gozar do contacto coa natureza e o coñecemento do patrimonio natural e cultural pontevedrés a un total de 150 personas, 50 por sesión, segundo informou este martes a concelleira de Medio Ambiente Natural de Pontevedra, Anxos Riveiro.
A concelleira promove esta iniciativa como unha oferta de lecer que permite "descubrir espazos naturais dende un punto de vista ambiental e cultural" ao mesmo tempo que fomenta hábitos de vida saudables, pois a actividade fomenta o exercicio físico. Para poder participar, só é necesario inscribirse previamente na Oficina de Medio Ambiente Natural, tanto en persoa como a través do teléfono 986 100 185.
Na mesma liña de descubrir a natureza que nos rodea, Medio Ambiente Natural promove esta fin de semana do 14 e o 15 de novembro unhas xornadas destinadas a coñecer as especies exóticas invasoras que se detectaron en Pontevedra e en zona próximas.
A iniciativa terá unha xornada teórica na mañá do sábado na Casa das Campás e unha saída práctica o domingo con punto de partida na rúa Xosé Malvar. Ambas as dúas xornadas serán complementarias, pero non excluíntes entre si, de tal maneira que se poderá participar nunha sen necesidade de acudir á outra.
A influencia que teñen esas especies no medio e cal é o xeito en que se propagan estas especies e como se controlan por parte dos organismos responsables serán algunhas das cuestións abordadas nas xornadas, que terán como complemento unha exposición fotográfica sobre especies invasoras aberta durante todo o día do sábado na Casa das Campás.