Varias trombas de auga provocan un regueiro de pequenas incidencias na cidade
Por Diego Espiño
As fortes chuvias caídas sobre Pontevedra durante a mañá deste sábado deixaron unha serie de incidencias repartidas por toda a cidade.
As fortes e intermitentes trombas de auga provocaron numerosas intervencións dos servizos municipais de emerxencia.
A incidencia máis destacada foi o asolagamento dun garaxe na rúa Manuel Leiras Pulpeiro, que obrigou os Bombeiros a achicar a auga acumulada nas instalacións.
Ademais a Policía Local desprazouse a todas as rúas nas que se produciron pequenas inundacións, sendo emendadas en moitos casos polos propios axentes levantando as arquetas. A empresa municipal de augas, Viaqua, tamén tivo que actuar nalgunhas zonas.
As intervencións realizáronse nas seguintes rúas: Santa Clara, Gorgullón, Padre Fernando Olmedo, A Seca, Santa Margarita, Avenida Bos Aires; Angel Amor Ruibal, Valentin García Escudero, Real, Alcalde Hevia, Xosé Malvar, Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedraio, Outeiro (Lérez) e A Piolla (Lérez).
Arredor das 14:00 horas todas as rúas quedaron normalizadas sen rexistrarse incidencias de gravidade, aínda que ante a previsión de novas chuvias os servizos de emerxencia se manteñen en alerta.
Segundo os datos que manexa MeteoGalicia, a estación meteorolóxica de Lourizán recolleu 25,4 litros por metro cadrado durante toda a mañá.