Desestiman o recurso presentado polo mozo do Grove que matou o irmán da súa moza
Por Oskar Viéitez
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou os recursos de apelación presentados polo Ministerio Fiscal e pola defensa de Alberto Sequenza Vila, o mozo do Grove declarado culpable do homicidio do irmán da súa moza en 2012.
A defensa pedira que se declarase a nulidade da sentenza de culpabilidade da Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou o pasado mes de maio ao mozo, de 20 anos, pola morte do irmán da súa moza, David B., nun garaxe do Grove. O tribunal, tras o veredicto unánime do xurado, considerouno criminalmente responsable dun delito de homicidio con agravante de superioridade e condenouno a 13 anos e seis meses de prisión.
No auto, dado a coñecer este mércores, a sala do TSXG tamén rexeita o recurso presentado pola acusación particular, que reclamaba máis pena.
En concreto, o TSXG rexeita que a sentenza de Alberto Sequenza estea influída pola "parcialidade" da xuíza, da que defende o seu labor, e considera que non se produciron defectos de motivación no veredicto nin vulneración da presunción de inocencia do condenado. Paralelamente, en relación ao recurso da acusación, considera que a pena imposta é adecuada aos feitos probados.
En vía de responsabilidade civil foi condenado a indemnizar a Miriam Barreiro Míguez, a irmá da vítima, na suma de 25.000 euros e a cada un dos pais do falecido, na suma de 75.000 euros, máis os gastos de enterro e funeral. Así mesmo a que indemnice o Sergas nos gastos producidos pola súa asistencia médica e a da vítima.
Relacionadas:
-
O TSXG revisará a sentenza contra o mozo do Grove acusado de matar o irmán da súa moza
Por Redacción |
-
Condenado a trece anos e medio de cadea por matar o irmán da súa noiva no Grove
Por Natalia Puga |
-
O acusado de matar o irmán da súa noiva, culpable de homicidio por unanimidade do xurado
Por Natalia Puga |
-
"Te odio. No me hables en tu vida. Mataste a mi hermano"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O acusado de matar o irmán da súa noiva no Grove recoñece que o acoitelou, pero foi "para defenderse"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |