Piden ao Concello que recupere a xestión das piscinas de Campolongo
Por Redacción
Representantes sindicais de Comisións Obreiras nas piscinas de Campolongo reclaman ao goberno local do Concello de Pontevedra que recupere a xestión dese centro deportivo a partir do 31 de decembro cando finalice a actual concesión de Serviocio.
Os traballadores móstranse preocupados, segundo expuxeron en rolda de prensa o secretario comarcal de CC.OO., José Luis García Pedrosa e o secretario xeral da Federación de Servizos á cidadanía en Galicia, Ramiro Otero, porque afirman que as instalacións permanecerán pechadas para efectuar as obras de mellora durante un prazo que calculan que se achegaría aos oito meses e teríanse que ver sometidos a un período de suspensión con redución dos seus salarios.
Sinalan que non existe intención de diálogo por parte do concelleiro de Deportes, Agustín Fernández nin por parte do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xa que solicitaron unha entrevista para tratar este tema e, polo momento, non recibiron resposta. Queren saber que vai suceder a partir de decembro cando finalice a adxudicación.
Dende CC.OO. entenden que se debe desprivatizar este servizo público para garantir a situación laboral dos traballadores. Manu Fernández, delegado de CC.OO. nas piscinas, indica que as instalacións están obsoletas e que existe incerteza sobre as concesións polo que reclaman un contacto co goberno local para saber en que condicións quedará o persoal.
Actualmente as piscinas de Campolongo contan con 45 traballadores dos que un 50% se encontran cun contrato fixo e ao redor dun 25% son fixos discontinuos. As instalacións empréganse, segundo Manu González, delegado de CC.OO., por 1.500 usuarios diarios.