Preocupación no Concello de Pontevedra polo futuro do Parador Nacional
Por Alejandro Espiño
As novas sobre un ERE da empresa pública Paradores de Turismo espertan unha fonda preocupación no Concello de Pontevedra. "ÿ unha peza de gran importancia na planta hoteleira da cidade e crucial para seguir mantendo a aposta polo turismo de congresos e negocios", dixo a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román. Por iso é polo que se ofreceu todo o seu apoio á actual directora do Parador Casa do Barón.
Nun principio, parece que a continuidade do Parador non corre perigo, "pero cómpre estar moi alerta diante das novidades que hoxe coñecemos a través da prensa", destacou a concelleira responsable de Turismo, quen anunciou que está disposta "a liderar cantas iniciativas sexan necesarias para que Pontevedra non vexa minorado o plus de calidade hoteleira que esta instalación significa".
Lamentablemente, engade, non hai moitos anos "falábase de dotalo dun aparcamento soterrado no seu entorno e agora parece que tamén os Paradores son vítimas dos recortes". Neste sentido, Carlota Román asegura que "o dano que se faría ao sector turístico con calquera medida que puxera en perigo a súa continuidade, sería irreparable".
Asegura que o Parador, que conta con catro estrelas, "ofrece un entorno privilexiado aos visitantes que se achegan a Pontevedra" e recorda que ao estar situado nun edificio renacentista do século XVI, antiga residencia dos Condes de Maceda, "resultaría imposible de substituír".