Pontevedra, unha das cidades galegas máis afectadas polo primeiro gran temporal do outono
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Margit, o primeiro gran temporal deste outono, afectou a todo Galicia de forma especial entre as 5.00 horas da mañá e as 18.00 horas da tarde, pero Pontevedra saiu, sen dúbida, moito máis prexudicada que a maioría das localidades. Foi, xunto con Vigo, Moaña, Nigrán, Redondela, Mos, O Porriño, Oia e Cangas, das zonas da comunidade máis afectadas.
Ao igual que sucedeu no resto das localidades, na capital pontevedresa a maior parte das intervencións dos servizos de emerxencias estiveron relacionadas con inundacións en rúas e estradas e as intensas chuvias obrigaron mesmo a cortar ao tráfico rúas como Otero Pedrayo, Pai Fernando Olmedo ou o Gorgullón, onde desbordaron sumidoiros e se anegaron vías e beirarrúas.
Segundo os datos facilitados polo Concello, a Policía Local e os Bombeiros recibiron alertas por inundacións de distinta entidade en rúas como Gorgullón, Ernesto Caballero, Pai Fernando Olmedo, Simón Bolivar, a avenida de Vigo (á altura da rotonda do Pino), o cruzamento de Padre Gaite con José Malvar, Conde Bugallal, a avenida de Lugo, Entrevías, Camiño Vello de Castela, rúa da Gándara, avenida de Bos Aires ou Fonte Santa.
Na listaxe de vías anegadas figuran tamén a autovía de Marín, a estrada de acceso ao encoro de Pontillón, en Verducido; a PO-11, no Nó do Pino; e estradas de Casas Novas (Mourente), Salcedo, O Marco, Tomeza, O Santo (Praceres) e Estribela, onde se formou unha bolsa de auga de grandes dimensións.
As intensas choivas tamén deixaron anegadas fincas en Rosalía de Castro; na Piolla, en Lérez; ou en Valadiña, Tomeza. Asimesmo, caeu un muro na rúa da Torre e houbo alertas por anegamentos de varios sotos ao longo de toda a cidade, dende Loureiro Crespo a Santa Teresa de Jesús ou Casimiro Gómez.
Unha árbore caída en Freixo, en Campañó, e tellas solas no Camiño Vello, en Lérez, completan unha listaxe de intervencións que acadaron ao longo da mañá e primeira hora da tarde as 35. Estiveron repartidas ao longo de toda a xornada, sendo a primeira ás 8.30 horas en Fernando Olmedo e a última ás 16.53 horas no Camiño Vello, en Lérez.
Foi preciso evacuar o CEP de Sequelo de Marín por mor do desbordamento do río que transcorre próximo ás súas instalacións
Para facer fronte a todas elas, o Concello de Pontevedra mantivo en activo un operativo no que todos os servizos de emerxencia estiveron traballando coordinadamente. Ademais de Policía Local e Bombeiros, estiveron operativos os voluntarios de Protección Civil, as empresas concesionarias municipais (auga e lixo), os servizos técnicos municipais así como empresas colaboradoras para dotar ao Concello de maquinaria ou elementos de sinalización.
No resto da comarca resultaron especialmente chamativas as intervencións en centros escolares, pois foi preciso evacuar o CEP de Sequelo de Marín por mor do desbordamento do río que transcorre próximo ás súas instalacións. Así mesmo, foi necesario suspender as clases nas escolas de educación infantil de Tremoedo (Vilanova de Arousa) e Samieira (Poio) debido ás inundacións causadas pola fortes choivas desta mañá.
O Centro de Atención ás Emerxencias (CAE) 112 Galicia xestionou en trece horas 379 incidencias a causa do temporal de choiva, que no interior da provincia de Pontevedra acadou o nivel de alerta vermello durante a tarde deste xoves. Delas, o 85% do total rexistráronse na provincia de Pontevedra.