Os sindicatos piden marcha atrás na reforma laboral ante a suba do paro
Por Redacción
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT, considera moi negativos os datos do paro con 3.380 desempregados máis na provincia. Afirma que "non hai freo en ningún sector e o campión é o sector servizos". E reclama que o Gobierno cambie as políticas porque non se prevé mellora nos próximos meses xa que non tocamos fondo porque a construción e o sector servizos seguen incrementando o número de desempregados. Ramón Vidal entende que haberá unha caída no consumo entre o 30 e o 50% estas festas do Nadal en Pontevedra xa que "depende moito do sector da administración a quen lle vai caer sobre 15 millóns menos este nadal e iso vai trasladarse ao consumo". E remata sentenzando que "o 2013 vai ser un ano moi negro".
José Luis García Pedrosa, secretario comarcal de CC.OO. mantén o discurso na mesma liña. E sinala que a provincia de Pontevedra se sitúa con 2.000 parados máis que A Coruña, a pesar de ter 200.000 habitantes menos. García Pedrosa, pola contra, cre que as causas se atopan principalmente nos grandes sectores: automoción, sector naval e construción. Ademais, incide en que a situación se agrava coa "reducción de emprego de persoal laboral nas administracións públicas" e alertou tamén das consecuencias que terá o recorte de persoal no Paradar de Pontevedra. O secretario comarcal de CC.OO. tamén entende que "a reforma laboral non só non crea emprego senón que se destrúe máis" e reclama un cambio de políticas por parte do Gobierno porque "con austeridade non se soluciona e só nos leva ao desastre". O sindicalista pide máis protestas dos cidadáns nas rúas para provocar ese cambio.