Pontevedra dobrará en 2012 as licenzas urbanísticas para vivendas concedidas o ano pasado
Por Alejandro Espiño
Pontevedra pechará 2012 con máis do dobre de novas licenzas urbanísticas para vivendas que o ano pasado. Segundo informou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, licenciáronse un total de 224 vivendas en edificios colectivos, fronte ás 108 de 2011. A estas licenzas hai que sumar as licenzas para vivendas unifamiliares que, fronte ás 20 aprobadas o pasado ano, tan só licenciaron 9 durante este ano.
Segue sendo, dixo, "un dato malo" comparado cos anos de bonanza económica, pero destacou o aumento rexistrado este ano. De feito, este aumento débese ás últimas licenzas concedidas polo Concello de Pontevedra na comisión de Urbanismo desta semana.
Trátase da licenza que outorgou o goberno municipal á empresa Lagar de Saín, propiedade do empresario Eugenio Sobral. Pretende construír 107 vivendas na Unidade de Actuación número 18, a que se enmarca entre as rúas Eduardo Pondal, 12 de Novembro e Joaquín Costa. Con esta licenza, segundo Louro, "pretendemos dar un impulso a esta promoción e que teñan máis marxe de manobra ante as institucións financeiras".
Ademais, o Concello de Pontevedra realizou unha consulta á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio para coñecer o estado urbanístico do polígono B-31, situado entre a rúa Rosalía de Castro e a urbanización Fontesanta. Trátase dunha actuación na que se pretendían construír 125 vivendas unifamiliares nunha parcela de 25.000 metros cadrados.
Aprobouse en 2005, pero a súa tramitación, dixo Antón Louro, "tivo varias incidencias", ao ser paralizado polo Plan do Litoral durante máis de tres anos e estar afectado polas continuas modificacións da Lei do Solo de Galicia. De aí, que o goberno local queira coñecer o seu estado para poder proseguir coa súa tramitación urbanística.