Veciños de Baltar e Xustáns celebran o primeiro serán en Cristo Rei
Por Redacción
Veciños de Baltar e Xustáns, no municipio de Ponte Caldelas, celebraron con grande éxito de participación e público o primeiro Serán en Cristo Rei que contou cunha comida de confraternidade veciñal, unha concentración de vehículos clásicos e a actuación nocturna de diversas agrupacións de música tradicional da zona.
Esta iniciativa, ademais de dinamizar aos distintos colectivos sociais do lugar de Baltar e da parroquia de Xustáns pretendía servir de encontro veciñal onde unha comida composta por callos, carne ao caldeiro e sobremesas tradicionais, toda ela regada con bo viño do país, serviu para encher por completo a carpa habilitada pola organización no alto de Cristo Rei.
A sobremesa estivo amenizada por un dúo que animou o numeroso público asistente a facilitar a dixestión a través do baile con temas coñecidos do repertorio habitual de calquera festa popular ou verbena.
Pola tarde, tomou o relevo a exposición de coches clásicos que, estacionados nas inmediacións do Cristo Rei, levantaron o interese e a nostalxia dos asistentes a esta actividade festiva.
Un serán protagonizado por agrupacións folclóricas e grupos de cantareiras das inmediacións serviu para prolongar a actividade festiva ata altas horas da noite que, aínda que fresca, grazas á protección da carpa púidose soportar perfectamente.