Os recortes inciden nas persoas con discapacidade
Por Redacción
"Para este ano solicitaramos cursos de formación pero a reducción na partida política de emprego, deixounos sen eles", así o explica Paulo Fontán, representante en Pontevedra da Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI) que agrupa a máis de 50 asociacións. Asegura que moitas persoas con discapacidade quedaron sen prepararse neses cursos para acceder a un emprego. Afirma que se trata dun colectivo no que está a aumentar a taxa de exclusión social debido ao menor índice de alfabetización e a situación agrávase nesta época de crise.
Arredor do dez por cento da poboación de Pontevedra sofre algunha discapacidade e segundo afirma Paulo Fontán, a pobreza e a exclusión social son superiores neste colectivo á media da cidadanía. Apunta que a redución presupostaria é tan agresiva que están en perigo algunhas das entidades que defenden as persoas con discapacidade e, polo tanto, algúns dos servizos que ofrecen "como, por exemplo, o de fisioterapia".
Os recortes afectan tamén ao programa de vacacións e na mellora da accesabilidade. COGAMI, neste Día das persoas con discapacidade, reclama a reforma da lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras pero, sobre todo, insisten en que é necesaria a inspección e sanción para que as cidades estean adaptadas. En todo caso, Paulo Fontán afirma que hai maior sensibilización por parte dos gobernos locais nos últimos tempos e asegura que Pontevedra foi a cidade galega pioneira neste terreo.