Un secuestro acontecido en 1999 resólvese cunha condena dun ano de prisión para un dos autores
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra celebrou este martes o xuízo contra tres homes acusados do secuestro dun veciño da Estrada acontecido o 11 de abril de 1999. Tras alcanzar as partes un acordo de conformidade o caso resolveuse cunha condena dun ano de prisión para un dos autores como colaborador necesario e a absolución doutros dous.
Había un cuarto acusado que non compareceu ante o tribunal por padecer unha enfermidade grave e incurable. No seu caso o fiscal pedirá o arquivo da causa.
Ademais do evidente atraso na tramitación de todo este procedemento, danse outras circunstancias que complican o esclarecemento deste caso como son que a vítima e un dos acusados xa faleceron, mentres que dous dos presuntos autores, dous cidadáns de orixe colombiana, foron detidos cando xa o delito prescribira, polo que o tribunal os absolveu en sala.
Hoxe durante a celebración do xuízo un dos acusados, Manuel Velázquez Herrera, recoñeceu a súa participación no secuestro e detención ilegal do estradense Tomás Leis Carles.
En concreto recoñeceu que puxo a disposición dos secuestradores un terreo apartado en Huelva no que retiveron o estradense durante 72 horas. O secuestrado foi posto en liberdade catro días despois en Aranjuez. Presentaba diversas lesións e foi localizado pola Policía nunha estación de autobuses de Madrid cando pretendía regresar a Pontevedra.
Ante esta confesión e tendo en conta o atenuante moi cualificado de dilacións indebidas, Manuel foi condenado como cooperador necesario a unha pena dun ano de prisión.
Durante a celebración do xuízo o fiscal, Alejandro Pazos, retirou os cargos contra o irmán do condenado e outra persoa acusados de colaborar cos dous autores materiais dos feitos. Ambos os dous foron absolvidos.
O Ministerio Público no escrito de acusación, sobre a base da información facilitada dende o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, afirmaba que o móbil do secuestro foi un axuste de contas xa que Tomás Leis Carles non aboara unha partida de haxix. Este home fora secuestrado noutras dúas ocasións máis.