Un preso da Lama perde vinte quilos tras máis dun mes en folga de fame por supostos malos tratos
Por Redacción
Un preso do Centro Penitenciario da Lama perdeu 20 quilos durante unha folga de fame por supostos malos tratos, segundo asegura o seu avogado nun comunicado difundido polo Observatorio para a Defensa dos Dereitos e Liberdades.
O recluso Emilio Sánchez del Peso, alcumado "el rockero" leva desde o pasado 14 de agosto en folga de fame en protesta polos supostos malos tratos e torturas que ao seu entender reciben os presos do módulo de illamento da prisión pontevedresa.
O "rockero" leva desde o pasado 14 de agosto en folga de fame
Malia o avanzado deterioro do seu estado de saúde -pasou de 73 a 53 quilos dende o inicio da protesta- ainda non foi trasladado á enfermería nin ao hospital, informa o seu avogado Raúl López.
Integrante da Campaña Cárcere = Tortura, iniciativa de loita e difusión contra os malos tratos na cadea, Sánchez del Peso non reivindica nada para si propio. Pola contra, o seu obxectivo é "a divulgación da vulneración de dereitos fundamentais que acotío se producen nas prisións do estado español e, moi especialmente, nos módulos de illamento" afirma unha activista da campaña.
"Debemos contextualizar o protesto após o falecemento repentino do preso Eugenio García Serrano, alias Gaviotu, nese mesmo módulo de illamento de A Lama", prosegue , caso polo que un familiar xa iniciou investigacións para esclarecer os feitos.
Pola súa banda, o letrado subliña que, ainda que Del Peso se atopa en prisión por pequenas condenas, leva máis de 10 anos clasificado en primeiro grado.