Un condutor sen carné nin documentación do vehículo intenta fugarse da policía ao estilo 'Esperanza Aguirre'
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un condutor dunha furgoneta era interceptado pola Policía Local durante a madrugada do sábado ao domingo cando circulaba cunha furgoneta que carecía de seguro e non pasara a ITV. Ademais o home tiña o carné de conducir retirado por sentenza xudicial e enfrontouse cos axentes cando estaban a facer a instrución do caso.
A Policía Local atopara ás 5.15 horas a furgoneta estacionada nun carril nas proximidades do Burgo. Atopábase aberta e, como sucede nestes casos, tentaron localizar ao propietario para avisalo da situación. Dende a Dirección Xeral de Tráfico indicáronlles que o condutor vive fóra de Pontevedra e se lles informou de que o vehículo carecía de seguro e tampouco pasara a ITV.
A Policía fixou a furgoneta para evitar que a persoa puidera utilizalo, pero media hora máis tarde recibiron a alerta de que se ausentara do lugar. Outra patrulla detivo a furgoneta na intersección de Alba con San Caetano e comprobou que o condutor carecía de permiso de conducir por sentenza xudicial do Penal número 3 de Pontevedra.
Os axentes informaron ao home dos delitos que se lle imputaban. O condutor pediu que o sancionasen pero que o deixasen marchar no vehículo. Os policías dixéronlle que tiña que baixar do coche para agardar a que se realizase a instrucción das dilixencias. Nese intre, o home revolveuse e marchou do lugar seguindo o estilo da coñecida escena protagonizada por Esperanza Aguirre en Madrid, malia que neste caso, fíxoo a pé.
Os axentes conseguiron retelo pero o home amosouse agresivo e enfrontouse a eles ata o punto de golpear a un policía na man esquerda, provocando que tivera que ser atendido. O outro compañeiro despois dun forcexo conseguiu evitar a fuga.
Segundo informa a Policía Local de Pontevedra, nestes casos de delitos que teñen penas inferiores a tres anos de prisión non levan á calabozos as persoas retidas senón, coma neste caso, se lles fai unha imputación sen detelo pero coa obriga de estar presente mentres se realiza a instrución das dilixencias.