Pontevedra súmase a Greenpeace e a 150 cidades de todo o mundo para pedalear polo Ártico
Por Redacción
Coa praza da Peregrina como punto de partida e chegada, os pontevedreses se sumaron este sábado á pedalada polo Ártico organizada por Greenpeace en 150 cidades e 30 países dos cinco continentes para pedir a creación dun Santuario arredor do Polo Norte, onde se prohiban as actividades industriais, e que se comprometan cunha xestión responsable do Ártico, gravemente ameazado polo cambio climático e as perforacións de petróleo. España está entre os países con máis eventos organizados, 17.
Os pontevedreses acudiron timidamente ás 11.30 horas para a primeira das pedaladas, pero o número de persoas que se solidarizaron coa petición da organización ecoloxista foi aumentando co paso dos minutos e varias decenas de bicicletas encheron parte da praza unha hora despois para saír de percorrido pola cidade. Entre os que secundaron a cita encontrábanse membros do colectivo Masa Crítica.
A bicicletada busca pedir que se protexa o Ártico e mostrar á cidadanía a necesidade de salvagardar este fráxil e valioso ecosistema. "Salvar o Ártico é salvar moito máis e a súa desaparición afecta a todo o mundo. Se o xeo ártico desaparece, enfrontámonos a millóns de episodios desvastadores. Por iso é importante a convocatoria de mañá e que os cidadáns nos unamos a ela, xa desta forma estamos a lanzar unha mensaxe clara aos líderes mundiais e ás empresas petroleiras para que se protexa o Ártico", sinala a responsable da campaña do Ártico de Greenpeace, Pilar Marcos.
Estes actos lévanse a cabo dentro da campaña mundial de Greenpeace para salvar o Ártico na que xa asinou máis de seis millóns de persoas, entre elas as 1.200 voces influentes de todo o mundo, incluídos ex ministros, persoas galardoadas co premio Nobel de la Paz e das principais figuras da cultura. Esta petición que foi levada ao secretario xeral da ONU, Ban Ki-moon, antes do recente Cumio do Clima da ONU en Nova York.