Ponmo pecha a súa segunda edición cun vistoso desfile na Praza da Peregrina
Por Redacción & Diego Torrado
A segunda edición da pasarela Pontevedra Moda (Ponmo) pechouse na noite do sábado despois de tres días de actividades co colofón do seu desfile central.
Cunha Praza da Peregrina vestida de gala para a ocasión, cinco deseñadores presentaron as súas propostas neste espectacular marco, sendo o guipuscoano Ion Fiz, como padriño desta edición, o encargado de pechar a pasarela coa súa colección primavera/verán 2015 titulada Aftersun.
Antes foi a quenda para firmas consagradas como as galegas María de Janza Atelier, LIVLOV e ALALÁ Alta Costura e a deseñadora italiana Sonia Giordani.
A meteoroloxía respectou o acto, aínda que o inicio dunha lixeira chuvia obrigou a apresurar o final da pasarela, que en todo caso non viu deslucida a súa noite grande.