A Asociación de Xordos Río Lérez organiza o congreso 'Coaching para todos'
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá o próximio sábado 11 de outubro as I Xornadas de Coaching para Todos, organizadas pola Asociación de Xordos Río Lérez.
Trátase de "as primeiras xornadas de coaching orientadas e adaptadas a persoas con discapacidade organizadas no noso país", segundo explicaron os promotores na presentación celebrada no Concello de Pontevedra.
O obxectivo é dobre, por un lado trátase de dar a coñecer o 'coaching' como unha ferramenta destinada a mellorar o día a día das persoas e o seu xeito de afrontar diversas situacións, e por outro lado axudar á integración das persoas que sofren calquera tipo de discapacidade.
As xornadas, abertas a toda a cidadanía, contan cun custo de inscrición de 20 euros que se destinarán a xeito de donativo ao mantemento da Asociación Río Lérez.
Arrancarán ás 10:15 horas ata as 19:30 horas da tarde. Tras o parón de mediodía organízanse ademais dous talleres prácticos, de 25 prazas cada un, cun custo tamén de 20 euros.
O programa completo e os diferentes relatores que compoñen a xornada poden consultarse na páxina web www.xornadascoachingparatodos.es.